Fóra chove. É tarde (ou cedo) pero ela leva dando voltas na cama unha hora longa, desas que duran máis de hora e media, rozando case as dúas horas. Decide erguerse, son as catro de mañá. Ten os cabelos como una psicópata acompañados dunhas marcas violáceas baixo os ollos que combinan á perfección coa camiseta XXL de The Nightmare Before Christmas que leva posta.Baixa sen acender a luz, non quere alarmar a ninguén nin coas súas pintas nin coa súa cara de medo. Entra na cociña e senta sobre o frío e negro mármore do mesado, é algo que sempre lle gustou dende pequeña, e ela o único que busca son pequenas cousas pracenteiras que fagan que esqueza a Jack... Abre a neveira, non ten fame, gústalle ver a luceciña acenderse, nunca comprendeu por que. Cando era pequena resultáballe cousa de fadas eran tempos felices...ata que todo empezou... Pecha os ollos e sacude a cabeza, non quere pensar na época na que Jack comezou a facerlle compañía.
Soan tronos, ela non quere volver a meterse na cama, sabe con certeza que Jack estará agardándoa no seu cuarto. Toma unha decisión, quere saír ao xardín, encántalle a choiva e ver os raios caer ao aire libre. Colle unha chaqueta para saír, ten as pernas sen nada e vai descalza pero non lle importa.
Fóra o can ládralle á tronada, ela achégase a el en silencio, ponlle a man no lombo e séntase no chan mollado ao seu lado. Dille "tranquilo, non pasa nada...". Tarda 3 segundos en darse de conta do que acaba de dicir e abre os ollo de par en par, "non pasa nada", bota a rir, "NON PASA NADAAA!" berra mentres sorrí e a choiva cae na súa cara.
No hay comentarios:
Publicar un comentario